4ª Edición SilFest Valdeorras 2019


Cun atractivo cartel musical e unha gran variedade de actividades culturais, a cuarta edición do festival multicultural SilFest Valdeorras situou, un ano máis, á comarca e a O Barco de Valdeorras no mapa de festivais galego.
Durante os días 4, 5 e 6 de xullo, a praia fluvial do paseo de O Malecón do Barco de Valdeorras volveu a ser escenario deste cita festiva-cultural que reuniu a preto de 1.300 persoas.
Nesta ocasión, o cartel musical formárono grupos como Second, Shinova, Amatria, A Prata, Smile, Chelsea Boots, Igloo, The Morgans, Kings of the Beach; e os valdeorreses Azor 91, Volta e Media e Airline.
O viño de Valdeorras foi, unha edición máis, protagonista do festival coa celebración de catro catas e maridaxes, accións vinculadas á Denominación de Orixe Valdeorras, un dos principais patrocinadores do SilFest Valdeorras.
Non faltou a poesía, o cinema ao aire libre, as actividades de aventura e na natureza, a gastronomía da terra e as referencias ao Camiño de Inverno, itinerario oficial do Camiño de Santiago, ao celebrarse o festival en pleno roteiro xacobeo.
Ademais e por segundo ano consecutivo, os máis pequenos tiveron o seu espazo no Mini- SilFest, un festival paralelo ao SilFest Valdeorras con actividades e talleres para gozar en familia.